Os 60 discos galegos de 2023 (Parte 2)

Imos agora coa segunda parte da nosa lista deste ano, correspondente ao seu segundo cuadrimestre: inclúe os discos lanzados entre o 1 de maio e o 1 de setembro. E con isto, xa queda menos! Podedes ler a primeira parte, aquí: https://roucoson.com/2024/04/28/os-60-discos-galegos-de-2023-parte-1/

A Sombra dos Soños – I

A Sombra dos Soños incorpora elementos da nosa música tradicional ao seu estilo, baseado en diferentes xéneros de rock e metal. Este quinteto foi fundado polo guitarrista José Carballido (procedente de proxectos como Mízar, Requiem ou Khitara), e se suma con este primeiro álbum de estudio á cada vez máis grande escena de folk metal en lingua galega. Esta veu nos últimos anos irrumpir a bandas moi diversas, entre as que atopamos dende o folk metal punky de Liberad al Kraken ata o pagan black metal de Lóstregos, pasando por Mileth, Xhamain, Sons of Exodus ou Metalxis. Neste caso atopamos un traballo máis cercano ao hard rock, o heavy metal ou o power metal, cun gran protagonismo das guitarras. O traballo foi lanzado o día 1 de maio. Tedes máis info sobre o seu lanzamento aquí: https://roucoson.com/2023/05/07/a-sombra-dos-sonos-lanza-o-seu-primeiro-album-titulado-i/

Régimen Secreto – Química Oscura

Esta novísima banda de crossover thrash pontevedresa tráenos, con este EP autoeditado tres días despois que o disco de A Sombra dos Soños, unha desas propostas coas que pensas «alguén tiña que facelo!». Fan metal con letras sobre o infame narcotráfico galego, nas que a banda simula, ao máis puro estilo Brujería, estar composta por verdadeiros narcos das Rías Baixas operando na clandestinidade. Máis aló de debates sobre o perigo que ten a romantización destes temas, queda claro que a crueldade e a idiosincrasia dos capos galegos é material de primeira para letras de bo thrash. Estamos desexando escoitar máis!

Chicharrón – O Que Nos Queda Por Non Dicir

Sen dúbida, un dos traballos máis únicos desta lista. Chicharrón, grupo carballés que mestura o indie e o folk, define O que nos queda por non dicir como «o seu disco máis lofi», logrando un son que complementa á perfección a súa peculiar instrumentación: o acordeón, o órgano farfisa e demais instrumentos de teclado dominan un álbum no que os ritmos de batería propios do rock aparecen de xeito moi disperso, dando deste xeito unha potencia especial ás partes onde estes finalmente xurden. No apartado vocal, combínanse letras poéticas con melodías ben pegadizas (sorte quitándovos o retrouso de «Instante de area» da cabeza!). Unha música bucólica perfecta para ser escoitada con comodidade e con calma, sen que tampouco falten temas máis ruidosos como «Beleza e bondade» nos seus apenas 25 minutos de duración. A min, máis alá das referencias do indie folk, trouxome á mente os primeiros discos de Battiato como Sulle corde di aries ou ás partes máis ambient de Another green world de Eno. Foi lanzado o Día das Letras Galegas por Ferror Records.

Odregru – Beleza, a fin de todos e todo

Odregru é un enigmático proxecto de post-black metal formado por unha soa persoa, JCR Casjor, que mantén de xeito paralelo numerosos proxectos unipersonais de diferentes estilos e en diferentes idiomas. Beleza, a fin de todos e todo, que destaca polo seu son atmosférico e a súa produción lofi, é o terceiro traballo lanzado baixo o nome de Odregru, e nas plataformas dixitais pódese escoitar tanto a versión orixinal do álbum como unha versión instrumental, unha versión neoclásica en inglés… Toda unha bizarrada no sentido anglosaxón da palabra das que só podes atopar no mundo do black metal. A primeira versión do disco foi lanzada, de xeito independente, o 19 de maio.

Sacrosanta Decadencia Occidental – Cacería Salvaxe

E seguindo coas curiosidades, Sacrosanta Decadencia Occidental é unha banda de crust punk con letras en galego fundada nada menos que en Salamanca. Na súa formación atopamos a integrantes de bandas salmantinas como á vocalista de Dystopian Omen, a galega María Banshee, ou ó batería de Lethargic, Jorge Azofra, así como ao guitarrista dos galegos Amhra, Edu. Oficialmente defínense como unha banda afincada en ningures, pero non extraña que elixiran o galego para as súas letras, pois xa sabemos ben do estatus mítico do crust galego. No que é o primeiro traballo deste grupo fundado en 2022, Cacería Salvaxe, atopamos tamén unha boa dose de metal extremo, que da lugar a un traballo fresco e sorpredente perfecto para continuar co legado crust en Galicia. Este EP de 8 cancións e 16 minutos de duración foi lanzado o 20 de maio.

Strikeback – World in Decay

Aquí vai outro EP, neste caso de puro thrash metal, lanzado o 21 de maio de xeito independente. Trátase do esperadísimo novo traballo do quinteto coruñés Strikeback, fundado en 2012. Chega cinco anos despois do seu último álbum, The Plague, e nel estréase o novo membro da banda, o crack das 6 cordas Víctor Tarela. Thrash directo, cheo de espectaculares solos de guitarra e tocado, como debe ser, a toda hostia. Nada máis que dicir!

Maneiro – Un Bonito Despertar

O 26 de maio chegou o terceiro disco completo de estudio de Javi Maneiro, o vocalista principal de Heredeiros da Crus, en solitario. Nel explora unha faceta notablemente diferente á do archicoñecido grupo bravú que fundou en 1992, máis achegada ao pop rock ou mesmo ao indie, pero na que se pode recoñecer instantáneamente o característico estilo vocal que xa coñecemos ben da dilatada discografía dos herdeiros. A pesar de que a música de Maneiro teña unha vontade máis accesible, e algúns quizais dirían máis «seria», non perde en absoluto o seu carácter. Contámosvos máis sobre o lanzamento deste disco e da súa xira de presentación, nesta nova: https://roucoson.com/2024/01/25/maneiro-presenta-o-seu-ultimo-disco-un-bonito-despertar-en-sete-localidades-galegas/

Para Entrar a Vivir – Para Entrar a Vivir

Este novo trío vigués de pop rock presentouse en sociedade apenas en marzo de 2023, pero está formado por experimentados músicos da escena, pois nel podemos atopar a integrantes de bandas como Tronka Jazz Quartet, Phantom Club, Cubo Metálico, Blues do País ou Crónicas Pop, e exmembros á súa vez de Cooltrainband, Ros Viola, Monas del Ritmo, Mastines, Atico21 ou Los Ronkos. E si, só son tres membros! Esta experiencia plásmase en cancións sinxelas pero introspectivas e densas, que conforman un disco breve, de 33 minutos de duración, pero con vontade conceptual. Falámosvos máis da banda e do disco, aquí: https://roucoson.com/2023/06/14/para-entrar-a-vivir-saca-o-seu-primeiro-traballo-que-axina-presentara-ao-vivo/

Berlai – Estampas Galegas

Estampas Galegas, o último disco da banda Berlai, é nada menos que un libro-CD, combinando os relatos e as cancións de Xiao Berlai (exmembro do grupo de folk e jazz fusión Fía na Roca, entre outros) coas ilustracións de Leandro Lamas. Foi editado pola Através Editora da AGAL o 1 de xuño, e é o terceiro traballo do grupo, despois de Cas Berlai (2020) e Desconhecido (2017). Contén un pop rock indie con influencias do jazz ou do folk entre outros xéneros, reflectido en 10 cancións con letras marcadamente políticas, acompañadas doutras tantas estampas en homenaxe ás Cousas de Castelao. Nelas, xunto a Xiao, tocan o pianista Iago Mouriño, o baterista Bruno Couceiro, o baixista Pablo Sanmamed e numerosas colaboradoras adicionais. Un proxecto ben curioso ao que paga moito a pena botar un ollo!

Robert Beade – Down Underground

O guitarrista pontevedrés Robert Beade, membro da banda de heavy metal estatal Evil Hunter, lanzou o 2 de xuño o seu segundo EP en solitario, Down Underground, que releva ao seu primeiro traballo Influences, de 2020. A súa música está claramente dominada polas súas elaboradas guitarras solistas, que brillan constantemente ao longo dos 26 minutos de duración do xeneroso EP. Combina temas instrumentais con outros que contan coa presencia de vocalistas tan internacionais como o sueco Thomas Vikström de Stormwind, o español Tete Novoa de Saratoga ou o galego Pacho Brea de Ankhara. Tamén aparecen no disco o guitarrista beloruso Victor Smolski, ou o galego José Rubio ao baixo, compañeiro de Robert en Evil Hunter e que tamén lanzou disco en solitario o pasado ano. Esta tremenda lista de colaboracións dá unha idea da calidade das 6 cancións que forman o disco, que tocan diferentes estilos do metal. Non o perdades!

Conducto Coloquio – Inquisiciones

Neste disco atopamos dende o máis clásico blues rock ata solos metaleiros sobre rápidas baterías, pasando por influencias latinas, pasaxes psicodélicas, estrofas de hip hop ou letras de gran carga política, ás veces ao longo dunha mesma canción. Non podería ter sido doutro xeito, xa que o quinteto lucense Conducto Coloquio está neste disco acompañado, aínda por riba, por máis dunha decena de colaboracións de todo tipo. Escoitádeo, porque non se pode resumir o que conseguiron nunhas poucas liñas! O álbum saíu o pasado 5 de xuño, e ao día seguinte saíu tamén na nosa revista: https://roucoson.com/2023/06/06/inquisiciones-o-novo-de-conducto-coloquio-cun-feixe-de-colaboracions-da-escena-luguesa/

Ith – Solsticios

Ith é unha banda que leva en activo dende finais dos anos 90 e que leva acompañando a esta revista dende o seu mesmo nacemento, pois a nosa presentación en redes sociais foi precisamente coa reportaxe que fixemos sobre o seu disco anterior Frear o momento, lanzado en 2020. Por este motivo, é unha formación moi querida e especial para nós. Tivemos que agardar tres longos anos para desfrutar da súa nova obra, o EP Solsticios, lanzado o 9 de xuño. Nela, a banda de Mesía continúa co seu persoal estilo de pop rock potente con catro temas que inclúen unha colaboración con Gonzalo Grela Gacio (Machina, Broa) e Arón Ulloa Castro (Leirabuxo, Swing Sentido, Desligados). Podedes volver botarlle un ollo á mencionada reportaxe aquí: https://roucoson.com/2021/09/11/ith-venen-de-xanceda-para-frear-o-momento/

Superfuzz – Ruido

O trío coruñés Superfuzz fai en Ruido un power pop retro e ben potente, case hard rockeiro por momentos, con actitude punky. As 9 cancións do disco entran á túa cabeza xa na primeira escoita, con letras sinxelas en castelán e melodías vocais pegadizas que transmiten bo rollo sen parar. De novo, resulta refrescante e de agradecer que o disco dure 28 minutos, para deixarnos con ganas de máis. Trátase do segundo álbum da banda, despois de Superfuzz (2019), e foi lanzado polo selo estatal Clifford Records o 16 de xuño.

Todo el Largo Verano – Esperando

Co obxectivo de revivir o pop rock máis clásico e sesenteiro naceu o grupo ferrolán Todo el Largo Verano. Esta vontade fica reflectiva á perfección no seu último disco, Esperando, que foi lanzado o 22 de xuño por Ferror Records; estes aparecen por terceira vez na nosa lista grazas á súa firme aposta pola escena alternativa da cidade ártabra. O disco está cheo de cancións das que che sacan un sorriso, con letras inocentes que non desentoarían nun disco de tontipop, pero cheas de arranxos interesentas, e nas que a influencia do rock psicodélico e progresivo se fai evidente especialmente cara ao final do traballo. Un álbum nostálxico, breve e divertido como os que se facían xa hai tempo atrás.

Triángulo de Amor Bizarro – Sed

O cuarteto boirense, fundado hai xa 20 anos, é unha das nosas bandas máis internacionais, e confirman unha vez máis o seu estatus co que xa é o seu séptimo álbum completo de estudio, Sed. O estilo do grupo oscila entre o post-punk, o indie rock, o shoegaze ou o noise rock, e este enfoque variado pódese apreciar dende o propio comezo do disco, cando a nuevaolera «Estrella solitaria» vén seguida da pesada «Cómprate un yate», a punki «Huele a colonia chispas» e a indie «La espectadora». Cabe destacar o xogo de voces entre Isabel Cea e Rodrigo Caamaño, que é un dos puntos fortes do disco. Foi editado o 23 de xuño polo seu selo de sempre, Mushroom Pillow.

Scent of Death – Into Everlasting Hate

Volvemos agora a outra das bandas de metal máis veteranas de Galicia, cun cuarto de século de historia ás súas costas: o quinteto ourensán de brutal death metal técnico Scent of Death. Este cuarto traballo da banda, que viu a luz o 5 de xullo da man do selo estatal Base Record Production, continúa coa súa liña de blast beats demenciais, riffs precisos e, como se pode ver nos títulos de todos os seus lanzamentos, puro odio canalizado a través da música. Todo un clásico da escena galega. Un dos concertos de presentación máis destacados deste álbum foi o pasado novembro en Vigo xunto a Infrahumano, Mondo Podre e Raze, como vos contamos aquí: https://roucoson.com/2023/11/27/scent-of-death-infrahumano-mondo-podre-e-raze-unidos-na-brutalidade-na-sala-master-de-vigo/

Upcoming Devastation – The Origin of Human Disease

Seguimos co brutal death! Seis anos despois do seu último sinxelo, «Reinstate humanicide» (2017), a banda Upcoming Devastation, procedente do Carballiño (e fundada como «Upcoming of Devastation»), volveu de súpeto o 2 de agosto con este breve disco de 3 temas e algo menos de 10 minutos de duración, a imaxe e semellanza do seu último EP Trilogy of Human Decay (2016). O bo, se breve, dúas veces bo, e máis en estilos tan asoballantes coma este, pois os 9 minutos e 56 segundos que dura o traballo son de literalmente pura tralla. Dobres bombos programados inalcanzables para a anatomía humana, sweep picking, breakdowns de deathcore… Os ocasionais teclados de ambiente que acompañan aos riffs pesados son o máis melódico que se pode atopar nestes temas. e non fai falla máis. Despois do lanzamento, a banda volveu ao seu letargo habitual, pero agardamos que nalgún momento nos volvan sorprender. Andan na procura de batería, así que se sabes de alguén que dea a talla, contacta con eles.

Insire Nome – Nu e Só

O 4 de agosto saíu o segundo e penúltimo EP de Insire Nome, titulado Nu e Só. A traxectoria da banda, neste momento un dúo, foi breve pero intensa, pois naceu en 2021 e anunciou a súa disolución a principios de 2024 despois de lanzar 3 EPs, un sinxelo e unha demo. Este disco de post-hardcore e screamo está formado por catro temas: «Os bosques», «Os coitelos», «Os rapaces» e «Os sentimentos», mantendo a tradición de títulos breves e letras intimistas e sentimentais que caracterizou a banda. Intensas e emotivas a partes iguais, as cancións chaman a atención por estar cheas de ideas e variacións en apenas 13 minutos de duración total. Paga moito a pena botarlle un ollo póstumo á súa discografía, e tamén ós outros proxectos dos seus xa ex-membros; falámosvos máis a fondo da banda, da súa disolución e do seu último disco, aquí: https://roucoson.com/2024/02/06/insire-nome-anuncia-o-lanzamento-do-seu-derradeiro-ep-o-postumo-agarimo/

Lunamotos – Lunamotos

Este cuarteto vén reivindicar a tradición punki da súa vila, Cedeira, cun garage punk que é a vez escuro e subterráneo e do máis rockanroleiro, con toneladas de fuzz e que destaca especialmente pola omnipresencia do órgano. Como sinalan dende o seu selo, o especializado Family Spree Recordings, fan unha música «sen adornos, que non require evolución». Unen o estilo festeiro co que se fixo popular por estes lares Terbutalina cun toque máis freakbeat, en 12 cancións que van ao gran, cunha media de dous minutos de duración. Asinan deste xeito un primeiro e ata o momento último disco moi prometedor, lanzado o día 27 de agosto. Agardamos escoitar máis o antes posible!

Eskravos – Amén, Meu!

O primeiro álbum deste quinteto procedente da Estrada móvese entre o punk rock e o hardcore punk, e recolle á perfección a intensidade, a crueza e a retranca dos directos da banda. Son 13 cancións de arredor de 2 minutos e pico cada unha, con retrousos memorables que retratan a vida universitaria de Compostela e a actualidade do mundo no que nos tocou vivir. Só con ler os títulos das cancións xa é evidente que o grupo é pura actitude, e os temas o respaldan musicalmente, estando cheos de riffs sinxelos, ritmos a toda hostia e unha voz chea de personalidade que vai alternando fluidamente os monólogos que levan o fío narrativo das cancións cos berros máis hardcore que resaltan nos retrousos. O disco foi lanzado de xeito independente, por suposto, o día 1 de setembro. Moitas ganas de que chegue o segundo!! A finais de 2022, antes de que sacasen este Amén, Meu!, tivemos a oportunidade de facer unha crónica do seu concerto na SalaSon xunto a Trikornio e Gracias por Nada, no que avanzaron boa parte dos seus temas: https://roucoson.com/2023/01/17/asi-foi-a-noite-punk-da-salason-con-eskravos-trikornio-e-gracias-por-nada/